Sarria acolle o concerto 'Aniversario' da Banda de Música Comarca de Sarria

SarriaXa
Como proxectos futuros, anuncian que o próximo día 1 de decembro farán unha visita-concerto ao Centro de Atención para Persoas con Discapacidade CAPD
Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria-3
15 Nov 2024

A Banda de Música da Comarca de Sarria organiza un concerto para celebrar o primeiro ano da súa existencia o vindeiro 16 de novembro na Igrexa da Nosa Señora do Rosario.

Para este sábado, 16 de novembro o concerto terá o título de 'Aniversario', no cal se fará un breve percorrido musical do que foi esta primeira tempada.

Son pezas que formaron parte do núcleo central do repertorio da banda e dos distintos eventos, como foron o I Festival de Bandas Comarca de Sarria, a participación no ciclo de concertos Música no Camiño en Santiago de Compostela ou a Noite Meiga.

Ademais, incluirase tamén algunha nova proposta que se poderá escoitar nos concertos do ano que vén, así como un paso dobre para solistas co talento de dous dos compoñentes máis novos.

Con todo, desde a Banda da Comarca de Sarria queren tamén aproveitar este concerto para facer unha homenaxe a toda a xente de Valencia, que está a pasar un momento especialmente duro pola devastación tralo paso da DINA.

"Valencia é unha terra de moitas e boas bandas, e é moi triste ver como teñen os locales de ensaio totalmente inundados, instrumentos botados a perder… polo que imos render unha pequena homenaxe ás bandas valencianas e ós seus músicos", explican.

Valoración do traballo da agrupación

"Foron doce meses de intenso traballo, pero tamén de profunda satisfacción por poder levar a cabo aquela utopía coa que arrancamos: contribuír significativamente á riqueza musical da comarca, destacando e revitalizando o talento local e promovendo a sua visibilidade alén dos sete concellos", sosteñen desde a Banda.

Así, din que "queda moito por facer, pero xa podemos dicir que neste primeiro ano fomos quen de artellar quince concertos e proxectos que tiñamos moitas ganas de facer realidade".

Finalmente, din que este concerto supón tamén o comezo da segunda tempada da agrupación. "Unha tempada que xa estamos a preparar e que suporá un dobre reto: asentar os proxectos iniciados e darlles continuidade, e sacar adiante os que quedaron no tinteiro. En calquera caso, a idea é moi simple: tocar máis e mellor".

Así, esperan ter o calendario completo nos próximos meses, aínda que polo momento anuncian que o próximo día 1 de decembro farán unha visita-concerto ao Centro de Atención para Persoas con Discapacidade CAPD.

0.16307210922241