Sarria acolle o I Open do Camiño Vila de Sarria no pavillón Novo

SarriaXa
O evento terá un parón de 11.30 a 12.00 horas no que deportistas de elite farán unha demostración das diferentes variedades que hai no taekwondo
Open-Bulgaria-Alex-Losada-Neka-Monforte
9 Nov 2024

O I Open do Camiño Vila de Sarria organizado pola Escola de Taekwondo de Sarria xunto co Concello de Sarria desenvolverase no pavillón municipal Novo da rúa Castelao en horario de 9.30 a 14.30 horas deste sábado, 9 de novembro.

Álex Losada, promotor da iniciativa, informa de que se van xuntar máis de 250 deportistas nesta primeira edición dun total de 14 clubs de toda Galicia e de Asturias. "Estamos moi contentos porque é a primeira edición e imos intentar que medre e que se repita no tempo", sostén Losada.

O evento terá un parón de 11.30 a 12.00 horas no que deportistas de elite que están clasificados para o campionato do mundo de Hong Kong, entre os que se atopa o organizador e adestrador Álex Losada, farán unha demostración das diferentes variedades que hai no taekwondo.

Estes profesionais son campións de Europa ou medallistas europeos que amosarán ao público a calidade deste deporte. Ademais, vaise facer un acto de recoñecemento para os deportistas que van ir ao Mundial.

Desde a AC Taekwondo agradecen a colaboración do Concello de Sarria para celebrar este evento, xa que "mostraron o seu compromiso para axudar nesta edición e nas que veñan", explica o adestrador. E tamén á Federación Galega de Taekwondo, representada por Juan Carlos Eiriz, quen dixo estar "moi contento por achegar o taekwondo a unha vila como a de Sarria".

 

0.16803383827209