Sarria acolle un encontro para analizar as oportunidades e desafíos do mercado laboral na vila

SarriaXa
Un encontro para analizar as oportunidades e desafíos do mercado laboral en Sarria terá lugar na vila este venres a partir das 19.
14 Nov 2023

Un encontro para analizar as oportunidades e desafíos do mercado laboral en Sarria terá lugar na vila este venres a partir das 19.00 horas, coa participación da Fundación CEOE, Cáritas, a CEL e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.

‘Radiografía do mercado laboral en Sarria: que oportunidades e desafíos presenta?’ é o nome do encontro, no marco do EmpleaLab, un proxecto piloto de investigación e inclusión social, que está a desenvolverse noutras 10 provincias españolas e que está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións con Fondos Next Generation da UE.

Esta iniciativa busca mellorar a empregabilidade de persoas vulnerables e facilitar ás empresas lucenses a cobertura dos seus postos de traballo vacantes.

Desenvolvemento do acto

Con formato mesa redonda, o encontro terá lugar no Hotel Alfonso IX de Sarria de 19.00 a 21.00 horas, e contará coas achegas de Amparo González, directora de Cáritas Diocesana Lugo; Ricardo Arias, presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Sarria; Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería e Turismo de Lugo e de Galicia; Consolo López, responsable de Gandería Quitián e César No Cortiñas, responsable de Marketing de Galimplant e concelleiro de Cultura en Sarria.

De explicar os obxectivos e características de EmpleaLab encargaranse o coordinador de Emprega Lab na Fundación CEOE, Miguel Ángel García, e a secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez.

0.17912888526917