Sarria acolle unha nova edición dos Simpósios Salvaxes con tres artistas locais

O Concello de Sarria volve poñer en marcha os Simpósios Salvaxes, unha iniciativa que aposta polo diálogo aberto e próximo coa creación local. A cita deste mércores propón un coloquio afastado de formalismos, sen atril nin intervencións encorsetadas, no que o público poderá coñecer de primeira man as persoas creadoras da vila e descubrir o que se agocha tras as súas obras, as súas inquedanzas e os seus percorridos vitais.
Nesta nova sesión participarán tres perfís diferentes pero complementarios. O músico Suso Álvarez, cantante e guitarrista con formación académica, desenvolveu a súa traxectoria tanto no ámbito das bandas como no eido docente. Xunto a el estará Sonia Arias, autora con varios libros publicados que abranguen poesía e narrativa breve, ademais de impulsar proxectos creativos que combinan a literatura con outras disciplinas artísticas. Completa o cartel Aitana Vázquez, graduada en Audiovisuais, con experiencia en iniciativas fotográficas e producións audiovisuais, así como no ámbito da comunicación e a xestión de redes.
O encontro terá lugar o mércores 25 de febreiro ás 20:00 horas na Biblioteca Camilo Gonsar de Sarria e a asistencia será de balde ata completar a capacidade do espazo.