Sarria acollerá a Copa Deputación de Taekwondo o sábado 15 de novembro

Sarria converterase o vindeiro sábado 15 de novembro na capital provincial do taekwondo coa celebración da Copa Deputación, un torneo provincial clasificatorio para o Campionato Galego, que terá lugar no pavillón Novo da rúa Castelao de 09.00 a 115.00 horas.
O campionato, organizado pola AC Taekwondo Sarria en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, reunirá arredor de 200 deportistas de toda a provincia de Lugo nunha xornada que promete espectáculo e emoción sobre o tatami.
Desde a AC Taekwondo Sarria animan a todas as persoas interesadas en achegarse ao evento, xa que é de entrada gratuíta e agradeceron o respaldo institucional recibido: “Queremos agradecer ao Concello toda a axuda e confianza depositada unha vez máis en nós, así como a súa axilidade para tramitar e facilitar todo o necesario para facer posible este evento”.
Ademais, nesta edición o club vivirá un fito histórico, xa que competirá cun total de 89 deportistas —desde nenos e nenas ata adultos—, a maior cifra dende que participan neste torneo, considerado un dos máis especiais e esperados da tempada.
Alex Losada, adestrador na AC Taekwondo Sarria defende que o obxectivo é que "os nenos máis pequenos vexan en que consiste a competición e que vaian perdendo o medo; e cos máis maiores queremos conseguir clasificar ao Campionato Galego e, despois, subirnos ao podio o 13 de decembro", explica. Con respecto aos adultos, di que "non teñen tantos eventos deportivos cos nenos, entón queremos que saian e que adestren da mellor maneira posible".
O encontro servirá tamén para poñer en valor o traballo que a AC Taekwondo Sarria vén desenvolvendo na promoción desta disciplina deportiva, consolidando a súa presenza tanto a nivel provincial como autonómico.