Sarria acollerá a duodécima edición do descenso urbano

A vila de Sarria prepárase para acoller unha nova edición do Descenso Urbano (DHU) Vila de Sarria, que este 2025 celebra a súa duodécima entrega os días 25 e 26 de xullo, impulsado polo club ciclista DH Galicia, entidade que organiza o evento desde o ano 2012. Ao longo de dúas xornadas, as rúas da localidade lucense converteranse nun escenario deportivo aberto ao público, combinando espectáculo, acrobacias e deporte de aventura.
O venres 25 de xullo desenvolverase o Dirt Vila de Sarria, unha competición centrada en saltos e acrobacias dos participantes que terá lugar na rúa Marqués de Ugena. Ao día seguinte, sábado 26, celebrarase o descenso urbano, cun percorrido que irá desde o campo da feira ata O Malecón, atravesando diferentes rúas da vila. Ademais, o programa inclúe o Mini DHU, dirixido á rapazada, onde poderán exhibir as súas habilidades ciclistas nun circuíto adaptado.
Durante a presentación do evento, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, puxo en valor o esforzo organizativo do club DH Galicia, destacando que “conseguiu situar Sarria como un referente estatal nesta modalidade, xerando movemento económico e proxectando a imaxe da vila grazas á promoción mediática e audiovisual”. Castro subliñou tamén o traballo que realiza o club a través da súa escola de ciclismo, ofrecendo unha alternativa de lecer saudable para nenos e nenas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén participou na presentación, onde felicitou aos organizadores pola consolidación do evento, destacando que “esta proba estase a converter nun referente nacional, cunha participación cada vez maior e ampla repercusión nos medios”.
O DHU Vila de Sarria non se limitará ás probas deportivas, xa que o programa complétase cunha oferta de actividades paralelas pensadas para todos os públicos, que inclúen concertos, actuacións humorísticas e unha zona gastronómica con diferentes propostas culinarias.