Sarria acollerá a feira solidaria Buenas Pulgas organizada por varias asociacións de protección animal

Sarria será a sede o próximo sábado 5 de xullo da Feira Solidaria Buenas Pulgas, organizada por varias entidades dedicadas á protección e adopción de animais exóticos e de compañía, entre elas AGAE (Asociación Galega de Adopción de Exóticos), Michos de Lugo, Asociación Miau Lemos, Almanimal, Refugio Becerreá e a Asociación por la Protección Animal Huellas de Sarria.
A feira desenvolverase na rúa Liberdade, número 136, na explanada do antigo ambulatorio, en horario de 12.00 a 20.00 horas.
Durante a xornada, os asistentes poderán visitar os mercadillos solidarios das distintas entidades participantes, onde se ofrecerán prendas de roupa, obxectos vintage, artesanía e lotaría de Nadal.
Tamén haberá música, vermú acompañado de pinchos para escoller, un recuncho de doazóns de alimentos e materiais para os animais, actividades para a cativada e un photocall para levar unha foto de recordo coa mascota ou quen se desexe.
O vermú inclúe unha bebida e un pincho, que poderán adquirirse o mesmo día do evento.