Sarria acollerá a presentación das Escolas Deportivas de Snooker este sábado

SarriaXa
Esta iniciativa, promovida polo Concello de Sarria, contará cunha 'masterclass' gratuíta impartida polo billarista sarrián Juan Pedro Durán, máis coñecido como 'Gussy'
Juan-Pedro-Durán-Snooker-Sarria
22 Jan 2025

O Club de Billar Snooker Sarria, situado na Feculera, será o escenario dunha actividade única e pioneira en Galicia este sábado, 25 de xaneiro.

A partir das 16.00 horas, veciños e veciñas de Sarria terán a oportunidade de aprender e practicar o snooker, unha modalidade de billar considerada unha das máis esixentes e vistas en Eurosport.

Esta iniciativa, promovida polo Concello de Sarria, será a presentación oficial das Escolas Deportivas de Snooker e contará cunha masterclass gratuíta impartida polo billarista sarrián Juan Pedro Durán, máis coñecido como 'Gussy'.

Durante a clase, os asistentes poderán coñecer en detalle este deporte: aprenderán as súas regras, as técnicas, as competicións e as diferenzas co resto de modalidades de billar. Ademais, será unha oportunidade única para probar o snooker de primeira man.

Para participar, os interesados deberán reservar a súa praza enviando un WhatsApp ao número 639 715 685. As prazas son limitadas e, para garantir un lugar, seguirase unha orde de inscrición rigorosa.

Este evento supón o inicio dunha serie de clases que se ofrecerán de febreiro a xuño, permitindo que os veciños de Sarria e arredores se inicien ou melloren na práctica deste deporte.

0.14828300476074