Sarria acollerá do 2 ao 4 de maio a VIII edición de Expocidades, feira de turismo do Eixo Atlántico

SarriaXa
O evento reunirá a 28 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal, que presentarán as súas mellores propostas culturais, patrimoniais e culinarias
Expocidades-2022
30 Apr 2025

A Praza da Vila de Sarria transformarase, entre os días 2 e 4 de maio, no centro neurálxico do turismo de proximidade coa celebración da sétima edición de Expocidades, a Feira de Turismo do Eixo Atlántico.

O evento reunirá a 28 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal, que presentarán as súas mellores propostas culturais, patrimoniais e culinarias.

Durante a fin de semana, os asistentes poderán gozar dun amplo abano de actividades: rutas guiadas, catas de viños, mostras gastronómicas, concertos, exposicións, obradoiros para cativos e demostracións de artesanía ao vivo, entre outras propostas pensadas para todos os públicos.

O concello de Sarria deseñou un completo programa para dinamizar as rúas da vila durante os tres días. Cada xornada estará dedicada a unha área xeográfica diferente: o venres centrado en Galicia, o sábado en Europa e o domingo en Portugal. Entre as actividades destacadas atópanse tres visitas guiadas ao Camiño Francés, ao patrimonio histórico da vila e á figura de Matías López, coñecido empresario e chocolateiro sarrián, conducidas por profesionais como Silvia Mondelo.

A programación inclúe tamén unha exclusiva cata de viños galegos e portugueses, reservada para un grupo reducido de participantes, así como actuacións musicais de diferentes estilos. O cartel inclúe un tributo a ABBA, o concerto da banda local Louband e a clausura co grupo sarrián Clarisaxos.

Os máis pequenos poderán participar en obradoiros de chocolate, sesións de maxia e creación de instrumentos con elementos naturais, mentres que as persoas adultas poderán aprender pasos tradicionais nun obradoiro de baile galego.

O domingo 4 de maio, a vila prestará especial atención á cultura portuguesa cunha sesión vermú de fados interpretados pola artista Iria Estévez.

Expocidades, impulsada polo Eixo Atlántico, é unha iniciativa que promove o turismo local e o intercambio cultural entre Galicia e o norte de Portugal. Durante tres días, Sarria converterase nun escaparate privilexiado da diversidade e riqueza do territorio atlántico.

⚙ Configurar cookies
0.16839504241943