Sarria acollerá en outubro un espectáculo de teatro da Saga de Flin Havardr
O venres 14 de outubro celebrarase ás 17.30 horas na biblioteca e Casa da Cultura de Sarria, a mostra de teatro e danza infantil pertencente á Saga de Flin Havardr que fará as delicias dos máis pequenos.
Da man de Trécola Produccións, este espectáculo englóbase dentro dun Circuito de Teatro Profesional no que participa o concello de Sarria en colaboración coa Deputación de Lugo.
A función de teatro céntrase no uso dos monicreques de fío acompañados por música en directo.
SINOPSE
Eran as sagas unhas cantigas á heroicidade dos grandes guerreiros vikingos, fortes e valentes, que abandonaban as súas terras ermas e denostadas polo clima do norte, para zarpar nos seus drakar e conquistar outros pobos na procura de alimentos e tesouros.
Non é o caso de Flin Havard, un pastor que tras albiscar nun sono as súas proezas como vikingo, emprende unha viaxe inesperada acompañado por unha tripulación canto menos peculiar, non especialmente fortes nin valentes, pero si sobrados de creatividade. Tras moitas aventuras, conseguirán chegar á mellor de todas as terras a conta da morriña dun dos seus tripulantes. Queda por ver se conquistarán ou serán conquistados.
Os directores da obra son Isabel Rey e Marcelino de Santiago (Kukas) e os titiriteiros Ero Vázquez Cabrera e Isa García Coldeira. Da música en directo encárgase Pablo Pintor.
Duración: 50 minutos.
ORIXES
A compañía Marionetas Trécola leva máis de 13 anos vivindo o mundo dos monicreques, son a segunda xeración dunha compañía creada no ano 1981 cuns obxectivos que seguen a manter como a dignificación e liderado dos monicreques como ferramenta artística no teatro.
A súa proposta escénica está baseada en anos de experimentación no manexo e a construción de diferentes tipos de monicreques, sempre ideando a mellor opción segundo as necesidades do personaxe ou escena.
Tentan fomentar, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mutuo. Vendo de importancia unha educación emocional positiva así como de respecto pola natureza.
Neste momento contan con oito obras no seu repertorio e dende o seu comezo como responsables da compañía, dezaoito montaxes estreadas na súa maioría creadas dende a nada e construíndo escenografías, estruturas, marionetas e guións, deseños de iluminación, selección de músicas e tamén vestiarios.