Sarria acollerá o 20 de xullo o 'Move os teus marcos', unha xornada chea de cultura, música e reivindicación

SarriaXa
A Deputación de Lugo impulsa esta xornada de acceso libre en lembranza de Marcos López, cunha programación diversa que aposta pola lingua e os dereitos sociais
move-os-marcos-sarria
11 Jul 2025

O vindeiro 20 de xullo, Sarria converterase nun epicentro cultural coa celebración da festa Move os teus marcos, unha iniciativa promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que aposta polo poder transformador da cultura.

Tras o aprazamento do evento previsto inicialmente para o 18 de maio debido a unha forte treboada, a cita retómase cun programa que mestura música, literatura, activismo e gastronomía, rendéndolle homenaxe ao sarriao Marcos López, figura clave na xestión cultural e no audiovisual galego nas dúas últimas décadas.

Os concertos de Mondra, unha das voces máis salientables da música tradicional galega, e do cuarteto De Vacas, destacan nun cartel que reivindica a diversidade e o compromiso coa lingua e o territorio. As actuacións e actividades desenvolveranse entre a terraza da cervecería Don Pepe Pub e O Meigallo.

A programación inclúe tamén espazos para a reflexión e a creación artística, cun recital poético-musical, intervencións artísticas colectivas e unha palestra sobre os dereitos das persoas LGBTIQA+, os dereitos lingüísticos e a situación en Palestina, nun contexto marcado polo auxe dos discursos de odio. Tamén haberá un amplo abano de actividades pensadas para a cativada, como contacontos, obradoiros e espazos de lecer libre. Todas as propostas serán de balde e abertas ao público.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, animaron a veciñanza e visitantes de toda Galicia a participar desta xornada cultural, que busca facer de Sarria un punto de encontro aberto e participativo. Ambos destacaron “a calidade da proposta musical con Mondra e De Vacas, referentes da nova xeración de artistas que están revolucionando a música en galego”, e salientaron que a programación foi deseñada para “animar o público a quedar en Sarria durante toda a xornada”.

A festa Move os teus marcos tamén conta coa colaboración do tecido cultural e asociativo local, incluíndo un paseo teatralizado en colaboración coa asociación Ultreia et Suseia, no que se escenificarán historias sobre o patrimonio de Sarria e o Camiño de Santiago.

Participarán agrupacións como Meigas e Trasgos, Peleriños, Rebuldeira Teatro e Silvia Mondelo. Ademais, ao mediodía, celebrarase unha foliada aberta no Meigallo coa participación de Sarricanta, Meigas e Trasgos e Peleriños.

A zona da festa disporá tamén dun espazo gastronómico con produtos típicos da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.14709305763245