Sarria acollerá o DHU Vila de Sarria e o Dirt Jump con premios de ata 800 euros

A vila de Sarria prepárase para converterse os días 25 e 26 de xullo no epicentro do ciclismo de descenso e das acrobacias en bicicleta coa celebración do DHU Vila de Sarria e do evento Dirt Vila de Sarria 2025, dous encontros que reunirán aos mellores profesionais destas disciplinas.
Os máis rápidos nas categorías masculina e feminina do DHU, que terá lugar o 26, recibirán premios de 600, 250 e 100 euros respectivamente para os tres primeiros clasificados.
Mentres, o 25 celebrarase o Dirt Vila de Sarria 2025, cun espectáculo de saltos e acrobacias aéreas que contará cun máximo de 15 participantes experimentados, empregando bicicletas de 20, 24 ou 26 polgadas adaptadas para Dirt Jump. O evento incluirá ramplas de tres metros e unha recepción hinchable de grandes dimensións.
O horario establécese con adestramentos de 15:00 a 19:00 horas, primeira manga ás 19:00 e segunda manga ás 19:45 horas. Os premios ascenden a 1.500 euros repartidos entre o primeiro clasificado, que levará 800 euros e trofeo, o segundo con 500 euros e trofeo, e o terceiro con 200 euros e trofeo. A inscrición ten un custo de 30 euros.
Dentro desta xornada tamén se celebrará o Mini DHU Vila de Sarria, pensado para os máis pequenos, fomentando así a participación de todas as idades.
Ademais, a programación completarase con música en directo a cargo de Saha & Ryu e do grupo Green Covers, convertendo Sarria nun espazo de deporte, espectáculo e animación durante dúas xornadas consecutivas.