Sarria acollerá o Ciclo de FEGATEA despois de pechar a Mostra de Teatro Iván Tourón Morais
A III Mostra de Teatro Iván Tourón Morais vén de rematar tras cinco semanas nas que o teatro foi o centro da actividade cultural de Sarria, con funcións infantís os venres e representacións de teatro adulto/familiar os domingos. A programación incluíu dez espectáculos, cinco destinados ao público infantil e cinco para público adulto ou familiar.
O concelleiro de Cultura, César No, destacou o éxito desta edición, tanto pola calidade das obras como pola resposta do público: "Foi unha mostra excelente, con boa afluencia de espectadores en todas as funcións, o que demostra o interese que o teatro esperta en Sarria. A programación mesturou compañías profesionais e agrupacións de teatro afeccionado, ofrecendo unha experiencia diversa e enriquecedora para todos os asistentes".
Tamén quixo agradecer a colaboración de Rebuldeira Teatro, o grupo de teatro de Sarria, que participou activamente na organización da mostra: "O seu compromiso e traballo foron imprescindibles para garantir o bo desenvolvemento desta terceira edición. Sen a súa axuda, non sería posible lograr este éxito."
Ao longo destas semanas, tanto nenos como adultos puideron gozar dun variado programa de espectáculos que combinou entretemento e calidade escénica. A mostra Iván Tourón Morais consolídase, así, como un evento clave na vida cultural do concello.
Ademais, o concelleiro anunciou que a programación teatral non remata aquí. O próximo domingo dará comezo o Ciclo de FEGATEA, que traerá a Sarria catro novas obras de teatro afeccionado que se representarán os vindeiros domingos ás 20.00 horas na Casa da Cultura.