Sarria acollerá o vindeiro 9 de febreiro a carreira Sarria 10 km
Sarria acollerá o vindeiro 9 de febreiro a carreira Sarria 10 km, organizada polo Club Running Sarria CCNorte e que conta coa colaboración do Concello de Sarria e o patrocinio da Deputación de Lugo.
Esta carreira "busca situar Sarria no circuíto de grandes probas populares de Galicia, cunha distancia mítica para o atletismo". Así, o luns 23 ábrese o período de inscricións para participar na carreira, "cun percorrido practicamente chairo, urbano, con boa temperatura e sen apenas dificultades, que ofrece todo o que un atleta popular require na procura da tan ansiada mellor marca persoal", propoñen desde a organización.
Ademais, din, "pretende dar un salto de calidade nos servizos ofertados para que a experiencia dos deportistas que participen sexa diferenciadora sobre todo no aspecto meramente deportivo".
Tal e como explica o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, "co apoio a esta proba reforzamos a posición de Sarria no circuíto de grandes probas populares de atletismo en Galicia e ampliamos o mapa do deporte popular na provincia, un aliciente para a práctica de actividade física en persoas de todas as idades e tamén unha oportunidade para a dinamización económica".
A proba ofrece varias modalidades de participación: 10 km e 5 km (16 anos en diante), 2500m para as categorías SUB16, SUB14, e 1500 metros para as categorías SUB12 e SUB10. Ademais, celebraranse dúas actividades non competitivas, unha andaina de 5km para todas as idades e unha carreira de pitufos de 200 metros para os máis pequenos.