O XVIII Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria celebrarase desde o 17 ao 20 de agosto
O mago Roberto Lolo xa está organizando o XVIII Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, que este ano terá lugar desde o 17 ata o 20 de agosto.
Nesta edición, que volve celebrarse da man do mago sarriao, xa están desvelando algúns dos artistas que van participar, como Nuel Galán e Raúl Camagüey.
O primeiro, Galán, é “un dos máis queridos polo público sarriao”, segundo Lolo, quen explica que “levaba varios anos sen estar aquí, pero necesitabámolo no 18 aniversario deste evento porque foi un dos que axudou a facer crecer o Festival, aportando a súa maxia, o seu dinamismo, personalidade e gañándose o cariño de todo o público”, argumentou o organizador.
Por outra banda, tamén destacou a participación de Raúl Camagüey, afincado en Miami e que “vai facer o esforzo por vir”, quen tamén “é queridísimo polo público de Sarria, xa que puxo o Festival patas arriba cada vez que veu actuar”, defendeu Lolo.