Sarria acolleu a gala anual do sector hostaleiro da comarca
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu á gala anual do sector hostaleiro da comarca de Sarria no hotel Alfonso IX de Sarria, que non se celebraba desde hai dous anos.
Arias felicitou aos profesionais do gremio "polo esforzo que realizan para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os seus estándares de calidade", un cometido "no que contan coa colaboración do Goberno galego", explicou.
Subliñou que, a través dos plans de rescate que puxo en marcha a Xunta para aportar liquidez á hostelería durante a pandemia, outorgáronse 371 axudas na comarca de Sarria que suman apoios por case 900.000 euros.
Así mesmo, nesta área aprobáronse 19 axudas por valor aproximado de 136.000 euros a negocios do sector para incentivar a mellora de terrazas e a venda a domicilio.
Iniciativas da Xunta
Referiuse, ademais, a algunhas das últimas medidas activadas pola Xunta como o Bono Enerxía Peme, dirixido ás pemes e autónomos dos sectores da hostalería, o comercio e os servizos para axudarlles a aforrar no custo da súa factura eléctrica.
O orzamento ascende a 4,2 millóns de euros, case o dobre que o ano pasado, e o prazo de presentación de solicitudes está aberto.
As achegas poden destinarse a renovar equipos de iluminación, instalacións eléctricas e de climatización ou electrodomésticos propios de cada negocio para substituílos por outros con mellor cualificación enerxética, entre outras accións orientadas a reducir o consumo de electricidade.