As novas axudas de Medio Rural para reforestacións produtivas foron presentadas en Sarria

SarriaXa
A Xunta destina 8,48 millóns de euros a unha convocatoria que busca mellorar a produtividade do monte e xerar emprego no rural
presentación-de-novas-axudas-de-Medio-Rural-Sarria
31 Jan 2026

A Consellería do Medio Rural reforzou a súa aposta pola xestión forestal sostible do monte galego coa posta en marcha dunha nova liña de axudas dirixida a reforestacións produtivas realizadas tras aproveitamentos madeireiros. Así o destacou a conselleira María José Gómez durante unha visita a unha plantación de chopos no concello lucense de Sarria, onde estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Durante o percorrido pola zona, que conta cunha superficie de 1,13 hectáreas de chopo con 15 anos de antigüidade, a conselleira explicou que esta convocatoria conta cun orzamento total de 8,48 millóns de euros para os anos 2026 e 2027. O obxectivo principal desta iniciativa é impulsar a produtividade do monte galego, ao tempo que se promove a actividade económica no rural, favorecendo a fixación de poboación e a creación de novas oportunidades laborais.

María José Gómez precisou que a convocatoria foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia, polo que o prazo para presentar solicitudes xa está aberto e pecharase o 12 de marzo. As axudas poden ser solicitadas polos titulares dos terreos obxecto das actuacións, polas comunidades de montes en man común, polas agrupacións forestais de xestión conxunta e polas persoas silvicultoras inscritas nos rexistros correspondentes.

A partida estrutúrase en tres liñas de apoio diferenciadas segundo as especies forestais empregadas. A primeira delas está orientada á reforestación produtiva de coníferas, que poderán plantarse en zonas nas que previamente se realizara un aproveitamento madeireiro de coníferas, eucalipto ou especies invasoras. Esta liña conta cun orzamento de ata 6,6 millóns de euros, repartidos a partes iguais entre 2026 e 2027, e contempla axudas que varían entre os 3.691,67 euros e os 2.079,89 euros por hectárea, en función da densidade da plantación. Inclúe ademais un módulo específico para a xestión do rexenerado natural tras a corta de masas de coníferas.

A segunda liña céntrase na reforestación produtiva de frondosas, coa finalidade de promover a creación de masas forestais de alto valor engadido e ecolóxico nos bosques galegos. Dispón dun orzamento de 1,48 millóns de euros e establece axudas por hectárea que, segundo a densidade da plantación, oscilan entre os 2.569,50 e os 4.230,41 euros.

A terceira liña está destinada integramente á reforestación produtiva de chopo e conta cun crédito total de 400.000 euros, cun único módulo de axuda fixado en 4.229,60 euros por hectárea.

Neste contexto, a conselleira subliñou que o Goberno autonómico mantén un traballo continuo en colaboración co sector forestal para apoiar ás persoas propietarias do monte e favorecer un aproveitamento sustentable que xere riqueza, contribúa á dinamización do rural e protexa os bosques fronte ao abandono.

⚙ Configurar cookies
0.078237056732178