Sarria acolleu un pleno con debate intenso e posturas enfrontadas en varias mocións

O pleno municipal de Sarria volveu celebrarse nun ambiente de confrontación política, con diversos asuntos que xeraron discusión entre os grupos. O PSOE presentou dúas mocións. A primeira reclamaba que o alcalde dispoña do mesmo tempo de intervención que o resto dos portavoces nos plenos, unha proposta que foi aprobada co apoio do PP e do BNG, aínda que se asumiu que só podería aplicarse mediante unha modificación do regulamento. A segunda moción socialista solicitaba explicacións sobre o acordo entre Camiña e o PP, pero o alcalde, Claudio Garrido, rexeitou sometela a debate ao considerar que non era susceptible de votación, propoñendo tratala como un rogo ou deixala para o seguinte pleno cunha redacción diferente, unha decisión que foi moi mal recibida polo portavoz do PSOE, Benjamín Escontrela.
Pola súa banda, o propio equipo de goberno levou ao pleno unha moción para solicitar un estudo técnico e a adopción de medidas urxentes nun punto negro da estrada autonómica LU-633, na parroquia de Ortoá. A iniciativa, defendida polo concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seixas, contou co apoio unánime de todos os grupos do Concello de Sarria. En concreto, propúxose a elaboración dun informe técnico para analizar a posibilidade de eliminar a curva situada no quilómetro 53,500 e, mentres non se dispoña dese estudo, a aplicación de actuacións como a mellora da sinalización vertical e horizontal, a instalación de sinais luminosos, marcas vibrantes no pavimento para reducir a velocidade ou balizas de separación entre os carrís.
Finalmente, non saíu adiante a moción presentada polo BNG en apoio á Plataforma Sarria Aire Limpo, que instaba ao Concello a interpoñer un recurso contra a autorización ambiental integrada outorgada pola Xunta ao proxecto da planta de combustibles sólidos recuperados en Oural. A pesar de contar co respaldo do PSOE, a proposta foi rexeitada polos votos en contra do PP e de Camiña Sarria. Durante o debate, a concelleira popular Carmen José López referiuse á declaración ambiental como un documento de carácter técnico e considerou que é o Concello quen debe determinar se esta instalación é compatible ou non coas vivendas segundo as Normas Subsidiarias. Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, asegurou que a implantación desta planta en Oural non implica que se vaian incinerar alí os residuos que trate e explicou que a cementera non está funcionando na actualidade, engadindo que conta cunha serie de autorizacións para queimas ás que deberá adaptarse en todo caso.