Sarria acolleu unha reunión do PP para poñer en valor as políticas europeas no desenvolvemento do territorio
A presidenta do PP lucense, Elena Candia, aproveitou a participación dos responsables autonómicos de Facenda e Medio Rural, Miguel Corgos e María José Gómez, na reunión con alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca de Sarria para incidir na implicación das políticas europeas no reparto de fondos para afondar no desenvolvemento do territorio e no establecemento de medidas que afectan ao sector gandeiro, “prioritario nesta comarca”.
Así mesmo, subliñou a importancia da presenza dos representantes do Partido Popular en Europa para “coñecer de preto os distintos programas a través dos que poder captar fondos europeos que xeren oportunidades na provincia”. Candia tamén aposta pola “redución da burocracia” que permita “centrar os esforzos na propia actividade e non no papeleo”.
De feito, a proposta do PP recolle a redución da carga regulamentaria en xeral e nos eidos do emprendemento e da agricultura e gandería, de forma específica. Gómez coincidiu en defender “unha redución da burocracia” na nova PAC e unha maior flexibilidade e adaptabilidade á realidade galega das diferentes medidas, cuestións que se solicitou en varias ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
FONDOS EUROPEOS
Miguel Corgos subliñou que Galicia terá percibido en global máis de 32.000 millóns de euros de fondos comunitarios dende 1986 ata finais desta década. “Ter este volume de recursos é esencial, pero a clave é poder aproveitalos. E Galicia é un exemplo de xestión e execución”, continuou.
De feito, Galicia executou 1.300 millóns de euros dos fondos FEDER e FSE para o período 2014-2020, xestionou máis de 1.000 millóns de euros de fondos de desenvolvemento rural (FEADER), os 440 millóns de euros do fondo REACT-UE para a reactivación económico logo da Covid-19 e está a executar con axilidade os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Así, defendeu que Galicia “é e seguirá sendo dilixente cos recursos procedentes da UE que favorecen o benestar dos galegos e das galegas, a través de axudas, iniciativas e proxectos que xeren emprego e calidade de vida”.
O popular explicou que “estes fondos europeos son claves para Sarria e para a súa comarca” porque “permiten financiar investimentos coma a mellora do saneamento e da estación depuradora de Sarria ou o Polo de Emprendemento e apoio ao emprego”.
O Partido Popular aposta por vincular os fondos europeos ao crecemento e á competitividade promovendo a reindustrialización, a incorporación da innovación aos sectores tradicionais e defendendo o papel das autoridades rexionais e do sector privado no deseño e xestión destes fondos.