Sarria acolleu unha xornada de formación sobre linfedema, lipedema e outras patoloxías vasculares

SarriaXa
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou a importancia de formar profesionais e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas
Formacion-Linfedema-CAPD-Sarria
12 Nov 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou nunha xornada de formación dirixida a profesionais sobre linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas que se desenvolve no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria.

Trátase dunha das accións nas que colabora a Xunta de Galicia co obxectivo de sensibilizar e dar visibilidade a estas enfermidades e á realidade das persoas que as padecen.

Abeijón subliñou que este tipo de encontros formativos son fundamentais para achegar aos profesionais a estas patoloxías e contribuír así á mellora dos tratamentos e da calidade de vida das persoas afectadas. Explicou que un dos obxectivos comúns da Xunta e da Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) é achegar o coñecemento destas doenzas aos servizos de atención e promover información específica para o seu diagnóstico e tratamento.

Neste sentido, avanzou que desde a Administración galega xa se traballa en colaboración coa entidade para seguir impulsando esta iniciativa piloto noutros centros públicos de atención á discapacidade.

A directora xeral destacou tamén a aposta da Xunta por continuar mellorando a calidade de vida de toda a cidadanía galega, incidindo na importancia de crear espazos de diálogo entre profesionais e tecido asociativo, como o de Sarria, que fomenten novas vías de diagnóstico e tratamento e reforcen a relación coas persoas afectadas.

⚙ Configurar cookies
0.065053939819336