Sarria activa un dispositivo especial de tráfico e seguridade pola Romaría dos Remedios

SarriaXa
O concello coordina a circulación, aparcadoiros e medidas de prevención para garantir o bo desenvolvemento da festa en San Salvador de César
Os-Remedios-Sarria
7 Sep 2025

O Concello de Sarria coordinou coa comisión de festas un dispositivo especial de tráfico e seguridade para asegurar o correcto desenvolvemento da celebración da Romaría dos Remedios, que se celebra estes días en San Salvador de César, debido á gran cantidade de xente que se espera.

Durante o domingo 7 e o luns 8 establecerase un sentido único de circulación, coa entrada pola estrada de Monforte (LU-546) dende o cruce coa LU-P-5703 en dirección a Vilar do Monte. Para a volta a Sarria, recoméndase facelo pola mesma LU-546 desde A Valiña ou a través de Pape e Arxevide pola estrada de Samos (LU-633).

Habilitaranse espazos de aparcamento gratuíto, mentres que as forzas de seguridade insisten na máxima precaución, prestando especial atención aos veciños e veciñas que se desprazan a pé desde Sarria e aos obxectos que poidan provocar incendios.

Ademais, lembran a importancia de recoller o lixo e manter limpos os espazos comúns, seguindo o plan especial preparado pola Concellería de Medio Ambiente para a festa.

O concelleiro de Seguridade, Félix Seijas, destacou que "a Romaría dos Remedios é un momento especial para todos. Pedimos prudencia no tráfico, respecto polas persoas que van a pé e colaboración para evitar riscos de lume". E tamén quixo agradecer á comisión de festas e a todos os veciños e veciñas dos Remedios "pola súa amabilidade ao permitir o uso das súas fincas e polo esforzo que fan para que esta celebración sexa posible”.

⚙ Configurar cookies
0.14949607849121