Sarria adxudica por máis de 700.000 euros a reforma integral do estadio da Ribela

O Concello de Sarria deu luz verde á reforma do estadio municipal de fútbol de A Ribela, tras aprobar en sesión extraordinaria e de carácter urxente da Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras á empresa Calfensa. O proxecto contará cun orzamento total de 707.188 euros.
A intervención, que nun primeiro momento estaba prevista para o período do Nadal, terá que agardar ao remate da actual tempada deportiva. A razón é a concesión dunha nova prórroga por parte da Real Federación Española de Fútbol á SD Sarriana, que poderá seguir disputando no campo de A Ribela os encontros da Segunda RFEF ata o final do curso.
O financiamento da actuación procede maioritariamente da Xunta de Galicia, que achega 536.520 euros, mentres que o Concello asumirá a contía restante, cifrada en 221.256 euros.
As obras contemplan a substitución completa do céspede artificial para adaptalo ás esixencias técnicas e de seguridade da categoría, así como a ampliación das dimensións do terreo de xogo e a mellora do sistema de iluminación. Tamén se prevén actuacións no sistema de rega e drenaxe, co obxectivo de asegurar unha correcta evacuación das augas pluviais.
Ademais, renovarase o equipamento deportivo —incluíndo porterías e bancos— e levaranse a cabo melloras no contorno da instalación, como o peche perimetral e os accesos.
Unha vez superadas as datas do Nadal, o Concello, a SD Sarriana e a empresa adxudicataria manterán unha reunión para concretar o calendario definitivo das obras. A previsión pasa por iniciar a reforma “unha vez remate a tempada, debido á intensa actividade e ao elevado número de partidos que se disputan no estadio”. Nese encontro tamén se analizarán posibles actuacións complementarias que permitan garantir o correcto funcionamento das instalacións durante o resto da competición.