Aínda hai prazas para participar na Ludoteca de Verán 2025 de Sarria

O Concello de Sarria informou de que aínda quedan prazas dispoñibles para participar na Ludoteca de Verán 2025, dentro do programa municipal Sarria Concilia.
Trátase dunha iniciativa destinada ás familias con crianzas nadas entre os anos 2016 e 2021, empadroadas no municipio, que busca ofrecer un espazo educativo e lúdico durante as vacacións escolares ao tempo que facilita a conciliación da vida laboral e familiar.
As familias interesadas poden presentar as súas solicitudes tanto de forma presencial no Rexistro do Concello como a través do rexistro electrónico, sempre que cumpran cos requisitos establecidos nas bases publicadas na páxina web municipal.
A ludoteca contará con diferentes modalidades horarias adaptadas ás necesidades das familias: un servizo de madrugadores entre as 07:30 e as 09:30 horas, a actividade principal da ludoteca de 09:30 a 14:00 horas, e un servizo complementario de friameira, garda e custodia ata as 15:30 horas.
Dende o Concello insisten en que o prazo para inscribirse continúa aberto e animan ás familias a aproveitar esta oportunidade para que as crianzas desfruten dun verán activo, creativo e en convivencia, mentres se garante o apoio necesario á conciliación familiar.