Sarria Aire Limpo critica a falta de apoio ao demandar un posicionamento político contra a planta de Oural

SarriaXa
A plataforma mostra a súa decepción tras o pleno no que se rexeitou frear o proxecto de Votorantim Cimentos pese ás preocupacións ambientais e sanitarias
Plataforma-Aire-Limpo-Sarria-na-Casa-da-Cultura
2 Feb 2026

A Plataforma Sarria Aire Limpo manifestou a súa fonda decepción tras o pleno do Concello de Sarria celebrado o pasado xoves 29 de xaneiro, no que se debateu unha moción para solicitar a paralización da instalación dunha planta destinada á produción de combustible a partir de residuos por parte da empresa Votorantim Cimentos en Oural. Segundo a plataforma, a sesión evidenciou unha falta de compromiso político coa saúde e o modo de vida da veciñanza.

A proposta contou co respaldo do BNG e do PSOE, pero foi rexeitada polos votos do Partido Popular, que xustificou a súa postura apelando a razóns administrativas, legais e burocráticas. Desde Sarria Aire Limpo cuestionan esta decisión e preguntan que intereses poden situarse por enriba da protección da saúde pública e do benestar das veciñas e veciños afectados.

A plataforma cualifica de especialmente grave a actitude do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, ao que acusa de ignorar de maneira deliberada as preocupacións expostas durante o pleno. Segundo denuncian, o rexedor evitou responder ás preguntas formuladas polos grupos do PSOE e do BNG sobre cuestións clave como os ruídos, os olores ou os riscos ambientais que implicaría a instalación da planta no propio núcleo urbano de Oural, nunha contorna con vivendas e un centro educativo.

Desde Sarria Aire Limpo sosteñen que o equipo de goberno pasou de ocultar as intencións de incinerar milleiros de toneladas de residuos procedentes de Votorantim a minimizar os efectos reais dos contaminantes xerados pola incineración. A plataforma tamén lamenta que non se abordase o impacto que esta actividade tería na saúde da poboación nin nas explotacións gandeiras da comarca.

Segundo advirten, a incineración de residuos na cementeira de Oural provocaría a emisión de toxinas como as dioxinas, que poderían acumularse no gando e deteriorar a calidade de produtos alimentarios como a carne, o leite ou os ovos, ademais de prexudicar seriamente a reputación das explotacións gandeiras da zona. Esta situación suporía, ao seu xuízo, un risco relevante para a seguridade alimentaria e para a saúde das persoas consumidoras.

A Plataforma Sarria Aire Limpo asegura que continuará mobilizada e vixiante, reclamando responsabilidades políticas e medidas concretas para impedir un proxecto que considera unha ameaza directa para o presente e o futuro de Sarria e da súa comarca.

⚙ Configurar cookies
0.072718858718872