Sarria Aire Limpo pide presentar unha moción contra a autorización dunha planta de combustibles en Oural

A Plataforma Sarria Aire Limpo solicitou aos grupos políticos con representación no Concello de Sarria que impulsen e leven ao Pleno municipal unha moción relacionada coa autorización ambiental integrada concedida pola Xunta de Galicia para a posta en marcha dunha planta de produción de combustible a partir de residuos no núcleo do Oural.
A entidade reclama que o Concello se posicione de maneira clara fronte a unha decisión que considera prexudicial para a veciñanza e para o medio ambiente.
Desde a plataforma advirten de que este tipo de instalación resulta incompatible cun núcleo urbano debido ás emisións contaminantes, aos cheiros e aos ruídos que pode xerar, así como ao impacto ambiental asociado á súa actividade. Consideran especialmente preocupante que se autorice o tratamento de máis de 160.000 toneladas de residuos ao ano nunha contorna na que existen numerosas vivendas e mesmo un centro de educación infantil e primaria.
Sarria Aire Limpo cuestiona ademais os argumentos nos que se sustenta a autorización, xa que o proxecto presentado pola empresa promotora, Votorantim, chega a negar a existencia de poboación no entorno inmediato da planta. Segundo denuncian, o documento afirma que as emisións de fume e contaminantes á atmosfera non afectan a vivendas porque estas non existen nas inmediacións, unha afirmación que a plataforma considera afastada da realidade do Oural e que supón unha grave falta de rigor e de respecto cara á veciñanza.
A entidade lembra tamén que, desde que o proxecto saíu á luz pública, se intentou transmitir á poboación que os residuos tratados na planta non serían queimados na fábrica de cemento do Oural. Porén, este argumento considera que quedou totalmente invalidado, xa que o propio proxecto recoñece o uso dese combustible e a Xunta de Galicia fixo público recentemente que o obxectivo da empresa é producir combustibles a partir de residuos no Oural para seren incinerados na planta de cemento xa existente na localidade.
Esta situación, segundo a plataforma, suporía un incremento preocupante da contaminación que xa se rexistra na zona, debido ao aumento das emisións de partículas e de compostos altamente nocivos que xa se producen na actualidade, como metais pesados, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e compostos orgánicos persistentes.
Por todo iso, Sarria Aire Limpo fai un chamamento á responsabilidade dos representantes políticos municipais para que prioricen a defensa da saúde da veciñanza e do dereito a un medio ambiente seguro e saudable, promovendo unha moción no Pleno que cuestione a autorización concedida e esixa a súa revisión.