Sarria aposta pola igualdade coa chegada da Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero

SarriaXa
A biblioteca Camilo Gonsar acollerá durante cinco meses unha colección de obras que promoven o feminismo, o pensamento crítico e o rexeitamento da violencia machista
Sarria-Maleta-Viaxeira-2025
31 May 2025

O Concello de Sarria súmase á rede de municipios que acollen a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI), unha iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno en Lugo coa finalidade de fomentar a igualdade a través da lectura. A chegada deste proxecto á vila sarriá supón un novo paso no compromiso activo do goberno local, especialmente da concellería de igualdade, por combater a violencia machista desde a educación e a cultura.

A MAVI estará dispoñible durante os vindeiros cinco meses na biblioteca municipal Camilo Gonsar grazas á colaboración entre as áreas de igualdade e cultura. Trátase dunha ferramenta que busca achegar á veciñanza, de todas as idades, unha selección de obras literarias centradas na igualdade de xénero, o feminismo e o empoderamento das mulleres. Desde contos infantís ata ensaios contemporáneos, os libros que integran esta maleta teñen como obxectivo espertar a conciencia crítica e combater os estereotipos e roles sexistas.

Entre os títulos que conforman o catálogo destacan ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?, La cenicienta que no quería comer perdices, Todos deberíamos ser feministas ou Rosalía Feminista, así como outros textos de carácter reivindicativo como Mi marido me pega lo normal, Infamia ou Aqueles días en que eramos malas. A colección complétase con obras como Cansadas, Amelia. Historia de una lucha, As miñas fillas devolvéronme a vida ou Las chicas son guerreras: 26 rebeldes que cambiaron el mundo.

Dende o goberno local salientan que a loita pola igualdade “non pode reducirse a campañas puntuais ou a datas conmemorativas, senón que debe formar parte da acción diaria das administracións”. Por iso, a concellería de igualdade pon tamén este recurso a disposición de todos os centros educativos do municipio, co fin de que poidan integralo nas súas actividades e programas didácticos.

“A educación é unha peza clave para erradicar a violencia de xénero e acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria”, subliñan desde o concello. A intención é que a maleta viaxeira chegue ao maior número de persoas posibles, desde o público infantil e xuvenil ata os adultos, promovendo así un cambio real e duradeiro.

Con esta iniciativa, Sarria reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva, e conxúgase co resto das institucións que, de forma coordinada, traballan para construír un futuro sen violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.14283204078674