Sarria aproba en pleno a Relación de Postos de Traballo coa única abstención do PP
Por primeira vez na historia e co voto a favor de tódolos grupos políticos, salvo do Partido Popular que decidiu decantarse pola abstención, o concello de Sarria aproba no pleno a Relación de Postos de Traballo.
A RPT que segundo varios integrantes de distintos partidos era unha necesidade dende hai moitos anos para o municipio, permitirá seguir deseñando a estrutura laboral do concello e mellorar os servizos prestados aos cidadáns.
FINALIDADE
A Relación de Postos de Traballo (RPT) é o instrumento técnico a través do cal se realiza a ordenación do persoal nun determinado municipio, de acordo ás necesidades dos servizos e indicando os requisitos esixidos para o desempeño de cada posto (titulación específica, carnés necesarios, licencias especiais...), así coma a súa denominación, características esenciais dos mesmos (complementos de destino e específicos) e determinación das súas retribucións complementarias.
A modificación de cada posto de traballo só pode realizarse a través dela e non por unha simple aprobación nun modelo orgánico.
A RPT é o principal instrumento organizativo e de xestión de recursos humanos nas administracións, posto que deseña a súa estrutura interna, ordenando e clasificando ao persoal segundo a realización concreta do traballo a desenvolver. Mediante a RPT racionalízase e ordena a función pública e é un instrumento esencial da política de persoal a incluír na mensión económica ou orzamentaria.