Sarria aproba melloras en seguridade viaria e honra a Eugenio López Quiroga

SarriaXa
O pleno municipal dá luz verde por unanimidade a varias iniciativas clave para o futuro da vila
Pleno-Sarria
30 May 2025

O Concello de Sarria celebrou o seu pleno ordinario, unha sesión marcada polo consenso entre os grupos e a aprobación de importantes medidas para mellorar a calidade de vida na vila. Entre elas, destacan dúas propostas do Partido Popular que foron aprobadas por unanimidade: a elaboración dunha estratexia integral de seguridade viaria e a mellora do estado dos pavimentos e beirarrúas.

A voceira popular, Carmen José López, explicou que “hai bastante preocupación polos atropelos que se producen na vila”, motivo polo que solicitaron medidas como a mellora da visibilidade nos pasos de peóns, reforzar a sinalización vertical, identificar os puntos negros e lanzar campañas de concienciación. Asemade, pediron unha revisión do estado dos pavimentos e beirarrúas máis deteriorados.

Tanto Efrén Castro (BNG) como José Manuel López Torre (PSOE) apoiaron a proposta, mais advertiron da necesidade de contar con financiamento da Xunta de Galicia. Carmen José López, pola súa banda, instou tamén a unha maior implicación da Deputación de Lugo.

Outro dos puntos destacados da sesión foi o nomeamento a título póstumo de Eugenio López Quiroga, coñecido como Cheno, como Fillo Predilecto de Sarria. O empresario foi recoñecido polas súas xestións para a implantación da empresa Inelcom hai dúas décadas, un feito que marcou o desenvolvemento económico da vila.

Tamén se aprobou unha modificación de crédito de 9.500 euros para completar a partida destinada á recollida de lixo, incluído o contedor orgánico, ata final de ano. Aínda que foi aprobada con votos de PSOE e BNG e a abstención do PP, todos os grupos coincidiron en que a solución definitiva pasa pola licitación dun novo servizo.

O pleno aprobou ademais cambios na RPT e no cadro de persoal do Concello. Por último, a petición de Amnistía Internacional, a corporación apoiou por unanimidade unha moción de condena contra os ataques de Israel a Palestina.

⚙ Configurar cookies
0.15846514701843