Sarria cambiará o alumneado público en 4.442 puntos de luz por novos de tecnoloxía led
O Concello de Sarria recibirá 2.943.955,41 euros pola resolución ditada polo IDAE que declara realizadas e conforme á concesión de axuda as intervencións previstas no proxecto de renovación do alumeado público municipal.
Desta maneira, renovarase toda a iluminación pública de Sarria, substituíndose 4.442 puntos de luz por novos de tecnoloxía led de última xeración e elevada eficiencia, actuacións nos 392 cadros de mando, reducíndose a 319 e instalándose en 116 deles un sistema de telexestión.
Ademais, e como consecuencia do anterior, diminuirase a potencia de 509,6kW a 186,9 KW, o que suporá un aforro enerxético do 74,4 %, “con todo o que iso supón no paso a unha economía baixa en carbono e o crecemento sostible”, explican desde o Goberno local.
Así, ponse fin así a un proceso que comezou en 2019 coa presentación deste proxecto e a solicitude de subvención por iniciativa de Camiña Sarria e que contou co respaldo do BNG. O resto dos grupos políticos presentes no pleno manifestaron desde un principio a súa opinión desfavorable, chegando, algún deles, a acudir aos tribunais co fin de “impedir ou poñer trabas a este proxecto”, sosteñen.
A total consecución dos fins perseguidos co proxecto “supón non só que Sarria sexa un municipio libre de carbono na iluminación das súas vías e edificios públicos, senón un acicate para procurar novos proxectos de renovación de infraestruturas que redunden en beneficio dos habitantes do municipio”, conclúen.