Sarria celebra a décima Estremonía Cantada con 16 grupos musicais e dúas rutas musicais polas tabernas

Sarria converterase nun punto de encontro da música tradicional coa celebración da décima edición da Estremonía Cantada, un evento promovido pola Asociación Cultural Peleriños que reunirá a 16 grupos nunha xornada marcada pola festa e a reivindicación da cultura local.
Entre as formacións participantes atópanse Cantareiros do Naval, Os Ministreles, Son do Mao, Dakidoasma, As Macizas Centrais, Os Pantoxos, Gaiteiros de Goián, Foliada de Remior, A.C. Andrade, Os Parrandas, Cantareiras de Fornelas, Os TaberNos, Turbotelos, Maruxìa, Searas e Xampo, que encherán as rúas e locais da vila co seu repertorio.
O evento desenvolverase a través de dúas rutas diferenciadas, a do viño branco e a do viño tinto, nas que participarán 16 establecementos hostaleiros. Cada grupo deberá interpretar un mínimo de dúas pezas en cada parada, cun tempo máximo de 30 minutos, seguindo o percorrido e os horarios fixados pola organización.
A recepción dos grupos terá lugar o sábado 21 de marzo ás 17:30 horas no local da Sociedade A Unión, punto de partida dunha ruta musical para a que a organización solicita máxima puntualidade. A normativa permite o uso de instrumentos, aínda que todas as actuacións deberán ser cantadas e cun repertorio preferentemente tradicional.
As persoas participantes contarán cunha consumición en cada taberna incluída na ruta e tamén cunha cea final na Sociedade A Unión, na que se ofrecerán bebidas como auga, viño do país ou cervexa. Unha vez rematada a cea, cada grupo interpretará unha última peza e recibirá un agasallo pola súa participación.
A xornada concluirá coa actuación do presentador Cé Orquestra Pantasma, nun ambiente festivo que busca poñer en valor a música popular e fomentar a convivencia arredor do canto tradicional. A iniciativa conta coa organización da Asociación Peleriños e co apoio do Concello de Sarria e da Sociedade A Unión.