Sarria celebra a IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais con dez funcións para todos os públicos

SarriaXa
A programación desenvolverase entre o 19 de setembro e o 19 de outubro na Casa da Cultura coa colaboración de Rebuldeira Teatro
Mostra-de-Teatro-Iván-Morais-Sarria-25
18 Sep 2025

A Área de Cultura do Concello de Sarria presentou a cuarta edición da Mostra de Teatro “Iván Tourón Morais”, que terá lugar na Casa da Cultura entre o 19 de setembro e o 19 de outubro. O evento, organizado en colaboración coa compañía local Rebuldeira Teatro e co apoio do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, ofrecerá dez funcións que combinarán propostas para público infantil e adulto.

A programación infantil inclúe cinco espectáculos que se celebrarán os venres ás 18:00 horas: A historia de Rata o “pirrata”, de Olivas Negras (19 de setembro); Circo na biblioteca, de Dani Blanco (26 de setembro); Eu quero ser, de Noelia Porto (3 de outubro); Xela, a superheroína da aldea, de Inma Soto (10 de outubro); e Elas sempre contan, de Raquel Queizás (17 de outubro).

Pola súa banda, o teatro adulto contará con outras cinco citas os domingos ás 20:00 horas: Neura, da compañía De Ste Xeito Producións (21 de setembro); Vermello, novo espectáculo de Rebuldeira Teatro en estrea (28 de setembro); As vellas non deben de namorarse, de Teatro Airiños (5 de outubro); Estremonías da silva, de LÎLÂ TeaTro (12 de outubro); e Nada se sabe, de Culturactiva (19 de outubro).

Con esta cuarta edición, a Mostra consolídase como unha das citas culturais máis destacadas do outono sarriao, cunha programación que abrangue comedia, drama, clásicos e propostas contemporáneas. O concelleiro de Cultura, César No, e a presidenta de Rebuldeira Teatro, Rocío Magalí, convidaron á veciñanza a gozar desta oportunidade para vivir o teatro en comunidade e render homenaxe a Iván Tourón, veciño moi querido de Sarria, antigo membro da Asociación Cultural Peleriños e de Rebuldeira Teatro e director da Escola Infantil Xela Arias, falecido en 2021.

⚙ Configurar cookies
0.079475879669189