Sarria celebra a oitava edición da Carreira da Muller

A área de Deportes do Concello de Sarria, en colaboración co GDR Miño-Ulla, organizará o próximo 8 de marzo a oitava edición da Carreira da Muller.
A proba contará con dúas modalidades, carreira e andaina, e ambas terán un percorrido de cinco quilómetros, combinando tramos de asfalto e sendeiros naturais.
A carreira dividirase en diferentes categorías: júnior (de 12 a 15 anos), promesa (de 16 a 19 anos), sénior (de 20 a 34 anos), máster 1 (de 35 a 44 anos), máster 2 (de 45 a 54 anos), máster 3 (de 55 a 64 anos) e máster 4 (de 65 anos en adiante). En cada unha destas categorías outorgaranse tres premios, ademais de recoñecementos aos gañadores absolutos en categoría masculina e feminina.
A proba estará cronometrada mediante chip e dará comezo ás 18.00 horas, mentres que a andaina iniciarase cinco minutos despois. A recollida de dorsais realizarase no paseo do Malecón entre as 16.00 e as 17.30 horas.
O punto de saída situarase no bulevar da Rúa da Liberdade, á altura do cruce de Catro Camiños, en dirección a Samos, para logo continuar pola rúa Castelao. Ao chegar ao cuartel da Garda Civil, os participantes seguirán cara As Aceas e regresarán polo campo de fútbol ata a estrada de Monforte. O tramo final levaraos novamente pola rúa Castelao, pasando xunto ao pavillón e a piscina, cruzando preto do hotel Alfonso IX ata alcanzar a meta no paseo do Malecón.
Este evento busca promover a participación das mulleres no deporte e fomentar un estilo de vida saudable entre a cidadanía.