Sarria celebra este sábado a IX Estremonía Cantada con música tradicional polas tabernas

SarriaXa
A Estremonía Cantada deste ano reunirá un total de 16 grupos, que se repartirán en dúas rutas musicais por oito tabernas cada unha
Estremonía-Cantada-Sarria-2024
24 Mar 2025

Este sábado, 29 de marzo, Sarria vivirá unha nova edición da Estremonía Cantada, un evento musical que encherá de música tradicional as rúas e tabernas da vila, organizado polo Concello de Sarria e a Asociación Cultural Peleriños de Sarria.

A Estremonía Cantada deste ano reunirá un total de 16 grupos, que se repartirán en dúas rutas musicais por oito tabernas cada unha, facendo vibrar Sarria entre as 18.30 e as 22.30 horas.

A Ruta Branco contará coa participación dos Gaiteiros de Goián, Turbotelos, Dakidoasma, Os Bolechas do Sil, Mestura de Nete, Son do Mao, As Cantareiras de Fornelos e Raíñas o lado de.

Pola súa banda, a Ruta Tinto estará formada polos grupos Cantareiros do Naval, Os Minitreles, Silbarda, Xampó, Macizas, Centrais, Os Tabernos, Cantareiros da Unión e Os Parrandas.

Unha vez finalizado o percorrido musical, terá lugar unha cea na Sociedade A Unión, aberta a toda persoa interesada por un prezo de 12 euros.

A partir das 00.30 horas, a festa continuará coa actuación de Cé Orquestra Pantasma, que interpretará unha peza e dará paso a unha foliada aberta, poñendo o broche final a unha xornada marcada pola música, a tradición e a convivencia.

Con esta celebración, Sarria consolida a Estremonía Cantada como unha cita destacada do seu calendario festivo, promovendo a música popular e creando espazos de encontro e alegría colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.64593601226807