Sarria celebra o Día da Poesía cun encontro escolar e un concerto de Francisco Castro

SarriaXa
O evento, organizado polo IES Gregorio Fernández, reunirá a alumnado de numerosos centros da comarca o 18 de marzo na Praza da Vila arredor da figura de Eduardo Rey Moure e da temática do monte
Día-da-Poesía-Sarria
17 Mar 2026

Este mércores, 18 de marzo, ás 11.00 horas, a Praza da Vila de Sarria acollerá a celebración do Día da Poesía, unha iniciativa educativa e cultural organizada polo IES Gregorio Fernández que reunirá alumnado de diferentes centros escolares da comarca.

A actividade estará dedicada á figura do poeta Eduardo Rey Moure e xirará arredor dunha temática común: “O monte”, que servirá de inspiración para as composicións e actividades preparadas polos estudantes.

A xornada contará tamén cun concerto do escritor e músico Francisco Castro, organizado en conmemoración do 50 aniversario do IES Gregorio Fernández. A actuación converterase nun dos momentos centrais do encontro, no que literatura e música se unirán para celebrar a poesía e a lingua galega.

No evento participarán numerosos centros educativos, entre eles a EEI Xela Arias; o CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela; o CEIP Frei Luis de Granada; o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López de Oural; o CEIP Plurilingüe de Páramo; o CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela; o CEIP Ricardo Gasset de O Incio; o CEIP de Samos; o CPI Ramón Piñeiro de Puebla de San Julián; o CPR La Merced; o CPR Ntra. Sra. de la Asunción; e o IES Xograr Afonso Gómez.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Sarria, a Escola Municipal de Música de Sarria e os equipos de dinamización da lingua galega, entre outras entidades. O encontro pretende fomentar a creación poética entre a mocidade e poñer en valor a literatura galega nun espazo público e compartido.

0.1125431060791