Sarria celebra o festival Folk no Camiño Fest entre o 22 e o 24 deste mes
A Xunta de Galicia apoia o festival Folk no Camiño Fest, que se celebrará na praza da Vila de Sarria neste mes de xullo, durante a fin de semana do 22 ao 24. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa xunto co promotor, Eloi Caldeiro.
A programación arrinca o día 22 ás 23.30 horas coa actuación do grupo catalán Ros. O sábado 23 de xullo tocarán o canario Miguel Afonso e os galegos Brath a partir das 23:00 horas. Pecharán o festival o domingo 24 as actuacións de Manuel Luna e Brena la Música, de Cantabria; e a banda Korrontzi, de Euskadi, a partir das 23:00 horas.
Arias apuntou que “este tipo de festivais xogan un papel fundamental na dinamización cultural e turística dos concellos da provincia, en especial no marco deste dobre Ano Santo”. Nese sentido, salientou a aposta da Xunta por “descentralizar a programación e impulsar ou apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.