Sarria celebra os 200 anos de Matías López cunha homenaxe literaria e cultural

SarriaXa
O Concello traduce ao castelán a biografía de peto do empresario chocolateiro e prepara unha exposición de carteis
Festival-Matías-Lopez-Sarria
21 Apr 2025

Sarria prepárase para render tributo a unha das figuras máis destacadas da súa historia local: Matías López, o empresario chocolateiro e filántropo sarriao cuxo legado segue vivo dous séculos despois do seu nacemento. O vindeiro 17 de maio cumpriranse 200 anos do seu nacemento, e o Concello decidiu aproveitar a efeméride para impulsar unha serie de actividades conmemorativas ao redor da súa figura.

Un dos primeiros pasos foi a tradución ao castelán da publicación en formato peto que narra a vida de Matías López, un home que revolucionou o sector do chocolate na España do século XIX e que destacou tamén pola súa acción social. Este pequeno libro busca achegar a súa historia a un público máis amplo, tanto local como visitante, e serve como punto de partida para dar a coñecer o percorrido vital dun sarriao universal.

A iniciativa encádrase nun programa máis amplo que inclúe a dedicación dunha sala á súa memoria na antiga prisión comarcal, un espazo que está a ser recuperado para usos culturais.

Outro dos puntos fortes da programación será a mostra dos seus carteis publicitarios, que abrirá as súas portas o primeiro fin de semana de maio coincidindo coa celebración de Expocidades, a feira de turismo que este ano terá lugar en Sarria. Os asistentes poderán contemplar algúns dos reclamos publicitarios máis emblemáticos dunha época na que Matías López foi pioneiro en empregar a imaxe como ferramenta de mercadotecnia.

⚙ Configurar cookies
0.14945602416992