Sarria celebra un marzo cultural con propostas para todas as idades

O Concello de Sarria impulsa ao longo deste mes unha nova edición do seu Marzo Cultural, unha programación pensada para públicos de todas as idades e que combina literatura, música, tradición e iniciativas dirixidas á infancia. A proposta busca reforzar a participación veciñal e converter a cultura nun punto de encontro para seguir tecendo comunidade arredor de diferentes expresións artísticas.
A axenda arrincará o 6 de marzo ás 20:00 horas na Biblioteca Pública coa presentación do libro Memoria de sombra y bosque, da autora Estefanía Padullés, nun acto aberto á veciñanza. Ao día seguinte, o 7 de marzo ás 19:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o Concerto pola Muller, ofrecido pola Banda de Música da Comarca de Sarria, nunha cita musical que renderá homenaxe á figura feminina.
O 11 de marzo ás 19:00 horas, tamén na Casa da Cultura, desenvolverase un obradoiro de escritura creativa impartido por María Casar, destinado a fomentar a creación literaria entre as persoas participantes. A programación continuará o 15 de marzo ás 17:30 horas coa estrea do conto Pedro e o vagalume, que incluirá ademais un obradoiro infantil pensado para o público máis novo.
O 18 de marzo ás 11:00 horas, a Praza da Vila será escenario do Día da Poesía “Eduardo Rey Moure”, unha xornada dedicada á palabra e á creación poética. Xa o 22 de marzo, o Pavillón dos institutos e as rúas de Sarria acollerán a X Xuntanza de Palilleiras e a X Estremonía Cantada, dous eventos que poñen en valor a tradición e a cultura popular.
A programación pecharase o 29 de marzo ás 13:00 horas no Bar Xarope co Simposio Salvaxes – Xarope Resiste, unha cita musical que servirá de broche final a un mes no que Sarria volverá situar a cultura como eixo fundamental da súa vida social.