Sarria celebra unha tarde de Samaín para os máis pequenos

SarriaXa
A proposta está dirixida aos nenos e nenas da vila, así como ás súas familias, cun programa pensado para fomentar a creatividade e o desfrute compartido
Casa-da-Cultura-Sarria
31 Oct 2025

O Concello de Sarria prepara unha tarde chea de fantasía e sustos para celebrar o Samaín, cunha festa infantil que terá lugar este venres, 31 de outubro, na Casa da Cultura a partir das seis da tarde.

A proposta está dirixida aos nenos e nenas da vila, así como ás súas familias, cun programa pensado para fomentar a creatividade e o desfrute compartido neste tempo marcado pola tradición e as historias de medo.

A celebración incluirá globoflexia, pintacaras, música e contacontos para mergullar aos asistentes no espírito do Samaín. Ademais, haberá un desfile no que os disfraces máis arrepiantes serán os protagonistas, convertendo o espazo cultural nun escenario cheo de criaturas misteriosas, heroes fantásticos e personaxes sorprendentes.

O Concello destaca o carácter lúdico e familiar da cita, que pretende reunir á comunidade nun ambiente festivo e participativo.

⚙ Configurar cookies
0.087410926818848