Sarria celebrará o 2 de febreiro o Primeiro Día Elías Valiña Sampedro

O Concello de Sarria conmemorará o vindeiro 2 de febreiro o Primeiro Día Elías Valiña Sampedro, unha data significativa para honrar a memoria deste ilustre veciño sarriao, que cumpre 96 anos do seu nacemento.
A celebración terá lugar ás 13.00 horas, co acto de colocación dunha placa na casa natal de Elías Valiña, situada en Mundín, na parroquia de Santa María de Lier.
Este evento chega tras un ano repleto de homenaxes ao legado de Valiña, no que se celebraron diversos actos con motivo do 35 aniversario do seu falecemento en 2024. Entre as iniciativas realizadas, destaca a inauguración dun gran mural dedicado a Elías Valiña, obra do artista lucense Diego As, que embelece a cidade e recoñece a súa trascendencia para o Camiño de Santiago.
Elías Valiña Sampedro foi un dos grandes impulsores do Camiño de Santiago no século XX, sendo o inventor da icónica frecha amarela, símbolo que hoxe guía a miles de peregrinos de todo o mundo ata Santiago de Compostela. O seu legado como valedor e defensor do Camiño foi determinante para a recuperación e consolidación deste itinerario como ruta xacobea internacionalmente recoñecida.
Sarria, a súa vila natal, está especialmente orgullosa de Elías Valiña Sampedro, considerándoo un dos seus fillos predilectos e un referente para a historia do Camiño de Santiago. A celebración deste día busca relembrar a súa figura e seguir promovendo o seu legado como un dos principais defensores do Camiño, que segue sendo unha fonte de inspiración para peregrinos de todo o mundo.