Sarria celebrará o Festival Bos Tempos, unha viaxe ao pasado musical dos 80, 90 e 2000

O espírito das noites dos anos 80, 90 e 2000 volverá a Sarria o vindeiro 14 de xuño coa segunda edición do Festival Bos Tempos, unha cita pensada para a lembranza, o baile e o encontro social arredor da música que marcou xeracións.
A partir das cinco da tarde, a Sociedade La Unión converterase nun espazo de celebración que combinará ritmos nostálxicos con propostas actuais, nun evento organizado por Chechu Quiñoá, Jorge Quiñoá, Dj Beto e Andrés Dono.
O festival contará con postos de DJ, unha exposición fotográfica e unha viaxe visual pola historia da noite, así como foodtrucks para acompañar a festa cunha oferta gastronómica informal.
A actividade, de carácter gratuíto e aberta a toda a cidadanía, conta co apoio do Concello de Sarria e busca ser un punto de encontro interxeracional arredor da música como elemento de unión e disfrute colectivo.
O impulso deste festival chega da man de Chechu Quiñoá, que tamén está detrás do Festival Vilariño, unha iniciativa que naceu hai cinco anos coa intención de ofrecer espazo a mozos e mozas que comezaban a experimentar no mundo da música, tanto como DJ como en formacións musicais.
Aquela primeira edición, pensada como unha reunión privada entre amigos nunha parcela da súa propiedade, chegou a reunir arredor de 70 persoas. Agora, o Vilariño prepara a súa derradeira edición este verán, prevista para agosto, cun cartel no que se darán cita artistas emerxentes de estilos tan diversos como o folk ou o bacallau, dando voz ás novas xeracións musicais.