Sarria celebrou a diversidade e a lingua co festival 'Move os teus marcos' en homenaxe a Marcos López

O festival Move os teus marcos, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, tomou Sarria nunha intensa xornada de celebración da diversidade, da lingua galega e da creación artística, nun programa que tivo como referente a figura de Marcos López, xestor cultural e activista natural da vila, a quen se lle rendeu homenaxe ao longo de toda a xornada.
As actuacións musicais de De Vacas e Mondra foron o prato forte da tarde no Meigallo, onde se congregaron centos de persoas para gozar dunha colaboración inédita entre ambas artistas en lembranza de Marcos López, cuxa traxectoria profesional e compromiso co feminismo, a cultura e a defensa da lingua galega inspiraron a programación do evento.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, subliñaron “a magnífica acollida” desta proposta cultural, que achegou a Sarria artistas galegos de referencia cunha mensaxe “a prol da diversidade, do feminismo e da lingua, valores que resulta máis necesario ca nunca defender e que representan á perfección o legado de Marcos López”.
As actividades comezaron ás 12.00 horas na terraza da Cervexería Don Pepe cun coloquio moderado por Carlos Callón no que tamén interviron Daniela Ferrández, historiadora especializada na memoria LGBT en Galiza; Braulio Vilariño, responsable do Festival Agrocuir, e Chené Gómez, da ONGD Creart, centrada no apoio psicosocial mediante a arte na Faixa de Gaza.
Ás 13.00 horas arrincou un paseo teatralizado, impulsado en colaboración con Ultreia et Suseia, no que participaron as asociacións culturais Meigas e Trasgos, Peleriños, Rebuldeira Teatro e a guía turística Silvia Mondelo, con representacións sobre o patrimonio sarrián e o Camiño de Santiago.
A actividade trasladouse a partir das 14.00 horas á terraza do Meigallo, onde Patricia López, irmá de Marcos, foi a encargada de dar lectura ao pregón. A continuación celebrouse un xantar festivo con foliada aberta e a participación de agrupacións locais. Xa pola tarde, Luís López Alonso e Rafael Mallo, percusionista de Triángulo de Amor Bizarro, ofreceron o recital poético-musical Canto en Parada, inspirado na obra de Uxío Novoneyra.
Os máis pequenos puideron desfrutar dunha ampla programación lúdica con obradoiros de pulseiras, collage artístico, abanos de cores e elaboración de galletas. Ademais, o recinto contou cunha zona gastronómica con produtos da comarca e con exposicións e instalacións artísticas que visibilizaban a causa do pobo palestino.