Sarria celebrou o Día da Poesía cun acto multitudinario na Praza da Vila

Sarria converteuse nun gran escenario ao aire libre para conmemorar o Día da Poesía cun acto multitudinario celebrado na Praza da Vila e organizado polo IES Gregorio Fernández. A cita reuniu a centos de estudantes dos centros educativos da comarca nun encontro marcado pola creatividade, a participación xuvenil e a reivindicación da lingua galega.
A xornada estivo dedicada á figura do poeta Eduardo Rey Moure e desenvolveuse arredor dunha temática común, “O monte”, que serviu de fío condutor para as composicións e actividades preparadas polo alumnado. A poesía non só foi protagonista como expresión artística, senón tamén como ferramenta de sensibilización sobre a importancia de coidar o entorno natural.
O evento contou coa implicación de numerosos centros educativos, entre eles a EEI Xela Arias; o CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela; o CEIP Frei Luis de Granada; o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López de Oural; o CEIP Plurilingüe de Páramo; o CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela; o CEIP Ricardo Gasset de O Incio; o CEIP de Samos; o CPI Ramón Piñeiro de Puebla de San Julián; o CPR La Merced; o CPR Ntra. Sra. de la Asunción; e o IES Xograr Afonso Gómez.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi o concerto do escritor e músico Francisco Castro, organizado con motivo do 50 aniversario do IES Gregorio Fernández. A actuación converteuse nun punto de encontro entre literatura e música, reforzando o carácter cultural e festivo da celebración.
Ademais, a Escola Municipal de Música tamén participou activamente no acto, achegando acompañamento musical a unha xornada que encheu Sarria de voz, arte e compromiso colectivo.