Sarria conmemora os 450 anos de Gregorio Fernández cunha actividade divulgativa sobre a súa figura

O Concello de Sarria celebra este 10 de abril unha actividade especial para conmemorar o 450 aniversario do nacemento de Gregorio Fernández, unha das figuras máis destacadas da escultura barroca española e con raíces na localidade.
A iniciativa, que terá lugar ás 20.00 horas no Salón de Plenos, ofrece ao público a oportunidade de coñecer con maior profundidade a traxectoria vital e artística deste creador, considerado un referente na imaxinería relixiosa do século XVII.
A sesión estará conducida por Félix López Arias, coñecido como Arlindo, quen abordará tanto o contexto histórico no que desenvolveu a súa obra como a relevancia do seu legado artístico, especialmente no ámbito do barroco.
Con esta proposta, Sarria busca poñer en valor o seu patrimonio cultural e reivindicar a figura dun dos seus artistas máis universais, achegando á cidadanía a historia e a importancia da súa contribución á arte.