Sarria conmemorou o Día Internacional das Persoas con Discapacidade a través de diversos actos

SarriaXa
As concellarías de Acción Cultural e de Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa Banda de Música de Sarria, o Servizo de Atención Temperá e o Colectivo de Familias pola Diversidade Infantil da Comarca de Sarria, promoveron diferentes acción para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Casa da Cultura Sarria Día da discapacidade
4 Dec 2023

As concellarías de Acción Cultural e de Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa Banda de Música de Sarria, o Servizo de Atención Temperá e o Colectivo de Familias pola Diversidade Infantil da Comarca de Sarria, promoveron diferentes acción para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A Banda de Música de Sarria foi a protagonista do día a través do seu Concerto de Santa Cecilia dedicado ás persoas con discapacidade e cun repertorio musical que incluíu temas emblemáticos que fan referencia a estas persoas para recoñecer e visibilizar a todas as persoas, familias e colectivos implicados coas persoas con discapacidades.

Ademais, proxectáronse imaxes e vídeos de persoas con discapacidade de diferentes centros asistenciais e residencias da comarca, como o CAPD de Sarria, e residencias de maiores de toda a bisbarra; de nenos con discapacidade de Sarria, Monforte e Lugo; e imaxes icónicas relacionadas coa discapacidade. Toda esta acción contou coa participación dun intérprete de linguaxe de signos.

Máis actividades conmemorativas

Por outra banda, tivo lugar tamén un encontro de usuarioss, familias e profesionais vinculados ao Servizo de Atención Temperá da Comarca de Sarria na Casa da Cultura, onde se leu o conto ‘Pedro, o piloto de gaivotas’. Ademais, houbo tamén un obradoiro e coloquio de familias sobre a atención temperá e confeccionaron un mural de desexos, peticións e necesidades entre todas e todos os participantes.

Con respecto ao Concello, este iluminouse na súa fachada principal coa cor representativa do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e colocouse unha pancarta coa imaxe da UNESCO para conmemorar esta efeméride.

Por último, a Casa da Cultura e a Escola de Música acolleron a exposición de diferentes materiais que empregan as persoas con discapacidade, que se poderá visitar durante todo o mes de decembro.

0.17969489097595