Sarria contará cun novo box de atordamento no matadoiro municipal coa colaboración da Xunta

SarriaXa
Medio Rural achega 30.000 euros para mellorar o servizo e apoiar ao sector agrogandeiro da comarca
Convenio-Xunta-matadoiro-Sarria
1 Dec 2025

A Consellería do Medio Rural colaborará co Concello de Sarria na adquisición e instalación dun box de atordamento no matadoiro municipal, unha intervención destinada a modernizar as instalacións e garantir que o servizo se preste nas mellores condicións. A Xunta financiará esta actuación cunha achega de 30.000 euros a través dun convenio coa administración local.

Os fondos permitirán ao Concello mercar e colocar un box de inmobilización para o atordoamento do gando vacún, dotado dun sistema de empuxe e suxeición da cabeza que cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, salientou a importancia desta mellora para a comarca de Sarria, onde o sector agrogandeiro ten un peso estratéxico. Lembrou que a zona concentra unha intensa actividade agropecuaria e conta con numerosas salas de despece e pequenos obradoiros cárnicos, polo que o matadoiro municipal continúa a ser unha infraestrutura clave.

Arias destacou tamén que esta medida se enmarca nas accións da Xunta para impulsar o sector primario da provincia, favorecendo que os produtores poidan comercializar os seus animais en instalacións próximas, o que contribúe a reducir custos e a mellorar a rendibilidade da actividade gandeira.

O delegado insistiu en que o Goberno galego manterá o seu compromiso coa dinamización económica dos concellos rurais, promovendo actuacións que favorezan a creación de emprego e axuden a fixar poboación no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.072945117950439