Sarria contará cun profesional da educación social para atender ás necesidades sociais do municipio
A Consellería de Política Social e Xuventude vén de concederlle ao Concello de Sarria unha subvención no marco do programa Educando sen fronteiras cun valor de 53.955 euros, repartidos en dous anos para poder contratar un educador social para o Concello.
Isabel Vergara, concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Emprego, Emprendemento e Saúde de Sarria explica que a persoa elixida para desenvolver este traballo, realizará funcións de mediación social, cultural e educativa.
Ademais, ese educador ou educadora social traballará nunha aula habilitada no Ceip Frei Luís de Granada, podendo realizar o seu traballo tanto neste centro educativo como tamén na Escola Infantil Xela Arias, no colexio do Oural e nos IES Gregorio Fernández e no Xograr.
Máis labores da figura do educador social
Desta maneira, a persoa profesional encargada destes labores reforzará a integración do alumnado e a convivencia entre o alumnado e familiares, detectando e previndo factores de risco, detectar necesidades educativas e sociais para evitar que supoñan desaxustes sociofamiliares, promovendo a igualdade de oportunidades entre os alumnos e alumnas.
Por último, esta persoa deberá coordinarse co servizo de conciliación municipal e facer un seguimento dos expedientes derivados ao servizo do menor da Xunta. Así como axudará ás persoas que teñan unha renda de inclusión social (Risga) do Concello de Sarria, intervirá nas familias desfavorecidas do municipio e buscará emprego para persoas en risco de exclusión.