Sarria converterase este domingo nun foco cultural con música, literatura, activismo e gastronomía

SarriaXa
A cita propón unha xornada de música, teatro, poesía e reflexión social en homenaxe a Marcos López, promovendo a diversidade cultural, a lingua galega e os dereitos fundamentais
move-os-marcos-sarria
19 Jul 2025

A vila de Sarria converterase este domingo 20 de xullo nun punto de encontro para a cultura, a diversidade e a reivindicación coa celebración da festa ‘Move os teus marcos’, unha cita promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que terá como acto central unha colaboración única entre os artistas Mondra e De Vacas, que compartirán escenario por primeira vez nunha homenaxe ao xestor cultural sarriao Marcos López, falecido o pasado mes de agosto. A súa irmá, Patricia López, será a encargada de ofrecer o pregón dunha xornada deseñada para destacar o compromiso coa lingua e coa diversidade que definiron a vida e o traballo de Marcos López.

As actividades arrancarán ás 12.00 horas na terraza da Cervexería Don Pepe cunha mesa coloquio na que intervirán Carlos Callón, profesor e escritor; Daniela Ferrández, historiadora e investigadora da memoria LGBT en Galiza; Braulio Vilariño, organizador do Festival Agrocuir; e Chené Gómez, representante da ONGD Creart, especializada no apoio psicosocial mediante a arte en Gaza. Ás 13.00 horas, dará comezo un paseo teatralizado con participación das asociacións culturais locais Meigas e Trasgos, Peleriños, Rebuldeira Teatro e Silvia Mondelo, guía turística de Sarria, que ofrecerán representacións inspiradas no patrimonio da vila e no Camiño de Santiago.

A partir das 14.00 horas, as actividades trasladaranse á terraza do Meigallo, onde terá lugar o pregón a cargo de Patricia López, seguido dun xantar festivo acompañado dunha foliada aberta na que participarán agrupacións locais. Despois do xantar, ofrecerase o recital poético musical “Canto en Parada”, protagonizado por Luís López Alonso e Rafael Mallo, percusionista do grupo Triángulo de Amor Bizarro, inspirado na obra do poeta Uxío Novoneyra.

A programación inclúe tamén propostas pensadas para o público infantil, con obradoiros de pulseiras, collage, abanos de cores e elaboración de galletas. Ademais, o recinto contará cunha zona gastronómica con produtos da comarca e acollerá exposicións e instalacións artísticas de carácter reivindicativo, centradas na realidade do pobo palestino.

⚙ Configurar cookies
0.15092587471008