Sarria convértese en capital do blues con catro días de música e celebración

O festival Sarria & Blues no Camiño chega á súa cuarta edición e a vila xa está a ultimar os preparativos para unha nova entrega desta cita coa música afroamericana, que se celebrará entre o 7 e o 10 de agosto. A proposta, impulsada polo Concello, mestura tradición, cultura e participación cidadá cun cartel que destaca pola súa variedade e calidade artística.
A xornada inaugural, o xoves 7, contará coa presentación oficial do festival e dous concertos: ás 20.00 horas, no atrio da igrexa de San Salvador, actuará o dúo Lust ‘n’ Found, especializado en blues tradicional; e ás 22.30 horas será a quenda da Banda de Música da Comarca de Sarria, que ofrecerá no Malecón un repertorio de temas clásicos do blues e do jazz, coa colaboración especial da cantante Lorena do Val.
O venres 8, o escenario principal será o local cultural O Meigallo. A partir das 21.30 horas, subirán ás táboas o grupo coruñés Jarbis e a formación portuguesa Little Hands Blues Band, que achegarán ao público ritmos enérxicos e influencias internacionais.
A xornada do sábado 9 promete ser a máis festiva. Desde as 20.00 horas, a Rúa da Liberdade acollerá un desfile musical no que participarán os Dixie Blinders, a Banda de Música de Sarria, Lust ‘n’ Found, Pájaros Azules e os coches clásicos do Club Clásicos de Sarria, ademais de entidades e veciños que queiran sumarse. Ao remate do desfile, celebrarase o concerto estrela do festival no aparcadoiro do Campo do Río: a actuación da cantante norteamericana Sugar Queen, recoñecida como unha das grandes voces actuais do Chicago Blues.
O domingo 10, a Rúa da Música será escenario da festa de despedida, cunha 'jam session' aberta que comezará ás 22.00 horas, mantendo vivo o espírito comunitario do evento.
MÁIS ACTIVIDADES
Ademais dos concertos principais, todos os días haberá actuacións acústicas itinerantes a cargo de Lust ‘n’ Found e Pájaros Azules, que levarán a música a diferentes espazos da vila para achegar o festival ao público.
A programación tamén inclúe actividades paralelas como a conferencia “Divas e loitadoras. Pioneiras afroamericanas e damas do blues”, que terá lugar o venres ás sete da tarde na Casa da Cultura. O relatorio estará a cargo do xornalista e investigador Manuel López Poy, acompañado por Lust ‘n’ Found e as vocalistas Nerea Iglesias e Olalla Losada.
No mesmo lugar, o domingo á mesma hora, proxectarase un documental relacionado coa temática do festival.
A organización mantén a filosofía de facer do Sarria & Blues un escaparate da identidade local, polo que anima á veciñanza a participar decorando escaparates con motivos relacionados co blues e integrándose no desfile do sábado.
A hostalaría da vila tamén se implica este ano cunha proposta chamada Street Blues, unha serie de concertos en pequeno formato promovidos por bares e restaurantes, que se celebrarán en distintos puntos e en horarios de mañá e tarde.
Con esta cuarta edición, Sarria & Blues non Camiño consolídase como unha das citas culturais máis relevantes do verán na comarca, combinando música, historia e compromiso coa participación cidadá.