Sarria dá comezo á conta atrás para unha edición histórica do seu Festival Internacional de Maxia

O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria arrinca motores para celebrar o seu vixésimo aniversario cunha edición que promete ser inesquecible, da man do seu promotor, o mago Roberto Lolo.
Este 2025, a vila prepárase para unha semana enteira de ilusión e espectáculos, do 18 ao 24 de agosto, estendendo por primeira vez a duración do festival a sete días completos, unha excepción feita especialmente para conmemorar dúas décadas de maxia e sorrisos compartidos.
Desde o seu nacemento, o festival converteuse nun dos eventos máis queridos e esperados do verán sarriao, atraendo artistas de todo o mundo e ofrecendo ao público experiencias inesquecibles. Este ano non será a excepción.
Xa se coñece o nome do primeiro artista confirmado: o recoñecido hipnotista Toni Pons, unha das grandes figuras da escena internacional, regresará a Sarria tras varios anos de ausencia.