Sarria deu inicio á oitava edición de Expocidades, a feira de turismo do Eixo Atlántico

SarriaXa
A deputada Pilar Porto destacou “esta mostra, que representa unha oportunidade única para dar visibilidade ao noso territorio"
Expocidades-Eixo-Atlántico-2025-Sarria
3 May 2025

Sarria deu inicio á oitava edición de Expocidades, a feira de turismo organizada polo Eixo Atlántico, que se celebra o domingo na Praza da Vila, e que conta coa presenza dunha trintena de municipios e entidades de Galicia e do Norte de Portugal.

O acto inaugural, conducido pola concelleira de Turismo, Reyes Abella, contou coa presenza do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, o presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao.

Durante as súas intervencións, as autoridades destacaron a feira como un espazo de encontro e cooperación transfronteiriza, subliñando o valor do turismo de proximidade como motor económico e cultural para os 28 concellos participantes.

Expocidades ofrece un completo programa de actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana e que poñen en valor a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Sarria preparou tamén un programa paralelo no que destacan visitas guiadas polo Camiño Francés, roteiros centrados nas antigüidades e na figura do empresario e chocolateiro local Matías López, así como catas de viños galegos e portugueses, degustacións gastronómicas, concertos e mostras de artesanía en vivo.

A música ten un papel protagonista, cun cartel que inclúe actuacións do Rancho Folclórico de Santo André de Sobrado de Valongo, o Grupo Folclórico de Santa Marta de Portuzelo de Viana do Castelo e o Grupo Varinas da Afurada de Vila Nova de Gaia. O sábado subirán ao escenario a banda local Louband, o grupo sarrián Clarisaxos e unha banda tributo a ABBA, mentres que o domingo será a quenda dunha sesión vermú de fados coa cantante Iria Estévez.

Tamén haberá espazo para os máis pequenos, con obradoiros de chocolate, maxia e creación de instrumentos, mentres que os adultos poderán participar nun obradoiro de baile tradicional galego. As casetas de diversos municipios ofrecerán actividades singulares, como as Rendas de Bilros en Vila do Conde, obradoiros de pintura de galos en Barcelos ou a actividade infantil “Queres pintar um cavaquinho” en Braga. En Vila Nova de Gaia, haberá xogos infantís, mostra de panadería tradicional con Broa de Avintes e sorteos de experiencias gastronómicas.

A gastronomía é outro dos eixos centrais da feira, cun percorrido polos sabores máis emblemáticos da rexión, con produtos como viños, doces, empanadas e conservas de localidades como Felgueiras, Vila Real, Peso da Régua, Guimarães, Matosinhos, Vila Pouca de Aguiar, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Valongo, Bragança e Monforte de Lemos.

A Deputación de Lugo participa con caseta propia, desde a que promociona os principais atractivos da provincia. A deputada de Turismo, Pilar García Porto, percorreu o recinto feiral, destacando que “esta mostra representa unha oportunidade única para dar visibilidade ao noso territorio, promovendo os nosos recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos nun contexto de cooperación transfronteiriza”. Tamén salientou que a coincidencia de Expocidades coa tradicional Feira de Antigüidades de Sarria “permitirá atraer a milleiros de visitantes durante esta ponte de maio, reforzando o papel de Sarria como punto de encontro turístico e cultural”.

⚙ Configurar cookies
0.16659593582153